Unidas Podemos trasladará ao Congreso os incumprimentos ambientais na ensenada de San Simón

Gómez Reino: “Protexer a ensenada de San Simón significa protexer ás familias e á economía local, que dependen da boa conservación do ecosistema”

Martes, 1 de xuño. Unidas Podemos mantivo este luns unha xuntanza coa Plataforma en Defensa da ensenada de San Simón, representantes das cofradías de Arcade e Redondela e da Agrupación de Mariscadoras de Redondela, e tamén con asociacións veciñais que loitan pola protección ambiental e da biodiversidade dun paraxe incluído na Rede Natura 2000. 

Ao encontro asistiu a eurodeputada Idoia Villanueva e o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, que amosaron o seu compromiso coa defensa da ensenada de San Simón, unha demanda que xa trasladou Podemos á Comisión Europea e que levará agora ao Congreso a través dunha iniciativa parlamentaria. 

Para que a Rede Natura se faga efectiva é necesario un plan de xestión para Zonas Especiais de Conservación (ZEC) que nin a Autoridade Portuaria nin o Goberno de Feijóo puxeron en marcha. A veciñanza loita pola desafectación completa da ensenada para que se converta en dominio público marítimo e terrestre.

“As institucións teñen que escoitar á comunidade, que é a mellor coñecedora dos vertidos e do abandono da ensenada de San Simón, ademais de habilitar os mecanismos para a protección da mesma”, sostivo Gómez Reino.