- Gómez Reino: “É inadmisible que a Autoridade Portuaria de Vigo teña a negativa por bandeira en vez de apostar polo futuro industrial da zona”
Vigo, 21 de xaneiro de 2021.- O Grupo Parlamentario Confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común trasladará ao Congreso unha iniciativa para que se permita incluir a concesión dos terreos de Vulcano no futuro proxecto industrial de recuperación do estaleiro, proposto polo Grupo Argos.
“É inadmisible”, apuntou o deputado Antón Gómez Reino, “que a Autoridade Portuaria de Vigo teña a negativa por bandeira en vez de apostar polo futuro industrial da zona”. Dende Unidas Podemos enténdese que, unha vez que a compañía Marina Meridional se fixo coas Factorías Vulcano, “o papel da Autoridade Portuaria debe ser facilitar que os novos proxectos saian adiante para que se recupere a actividade industrial de Vigo, a cidade industrial por antonomasia de Galicia”.
Para Unidas Podemos é imprescindible que se aproveiten os dous meses que veñen para concretar o novo proxecto industrial que Marina Meridional, pertencente ao Grupo Argos, ten para o asteleiro de Vigo. “Xa alertamos do movemento feito por Feijóo para controlar os portos galegos, tamén o de Vigo, mediante a colocación de ex altos cargos do seu goberno nos máximos órganos de decisión destes entes”, lembrou Antón Gómez Reino, “pero Almuiña aínda está a tempo de desmarcarse da nefasta xestión de López Veiga”.
Dende o Grupo Parlamentario enténdese tamén prioritario que o novo proxecto industrial non só contemple unha aposta firme polo naval senón tamén que se reincorpore ao cadro de persoal da antiga Vulcano para que o futuro industrial veña acompañado de estabilidade laboral para os traballadores.