Unidas Podemos condena os abusos policiais e a vulneración dos dereitos en Colombia

Gómez Reino: ‘A situación que atravesa Colombia é insostible en democracia. Cómpre actuar desde o Goberno do Estado e non mirar para outro lado

Madrid, 5 de maio.- O grupo confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común vén de facer público un comunicado no que amosamos a nosa fonda preocupación pola situación de violencia que sofre Colombia e queremos expresar a nosa rotunda condena á represión policial e os abusos dos dereitos humanos que está a sufrir a sociedade colombiana ao longo dos últimos días.

«A situación que atravesa Colombia é insostible en democracia. Están a traspasarse todas as liñas vermellas e hai que parar de inmediato toda esta violencia, desde o Goberno temos que implicarnos e non mirar para outro lado nesta crise de dereitos humanos», denunciou hoxe o deputado galego Antón Gómez Reino, vicepresidente da Comisión de Asuntos Exteriores.

«Houbo declaracións completamente fóra de lugar por parte do Goberno colombiano lexitimando esta violencia», sinalou Gómez Reino, que pediu ao Executivo colombiano que «se poñan do lado do seu pobo, na procura incesante do diálogo social garantindo a paz e blindando o dereito da súa cidadanía á protesta».

«Que non permita nin un crime máis nin máis violencia sexual cara ás mulleres», subliñou o deputado, quen insistía hoxe na preocupación do grupo confederal de Unidas Podemos ante este escenario de violencia e abusos policiais en Colombia, con flagrantes vulneracións dos Dereitos Humanos.

»Cómpre actuar e non mirar para outro lado», reiterou Gómez Reino.

Achegamos o comunicado íntegro aquí.