Unha nova Sanidade Pública. Un novo goberno

O día nove a cidadanía de Galicia vai ter a oportunidade de manifestarse en Santiago para defender o Sistema Público de Saúde.

Durante todos estes anos de Goberno de Alberto Núñez Feijóo, do PP, asistimos a unha deterioración en todas as súas frontes asistenciais, organizativas e humanas.

1.- A Asistencia Primaria, clave e básica para calquera sistema sanitario, non cumpre cos mínimos de esixencia: sobrecarga aos profesionais e falta de atención a pacientes. Poucos recursos humanos e pouca capacidade resolutiva orixinan uns atrasos na atención intolerables, que repercuten directamente en toda a cadea asistencial.

2.- As esperas diagnósticas, asistenciais e cirúrxicas poñen en perigo evidente aos pacientes e crean inquietude e zozobra sobre quen xa son vulnerables polo feito de estar enfermos.

3.- A inestabilidade laboral de tantos profesionais, moitos en situación de precariedade, dificulta a súa implicación no sistema, desincentiva a súa formación e desestabiliza ao conxunto da organización.

4.- A debilidade de servizos sociosanitarios e a súa desconexión co Sistema Sanitario fai inviable unha atención sanitaria correcta. Sen ese alicerce asistencial, en domicilio e en institucións, é imposible garantir axilidade e xestión apropiada do propio Sistema.

5.- Nada disto é descoñecido pola actual administración. Todo este aparente deixamento está cheo de intencionalidade política. Porque do que se trata é de deteriorar o Sistema Sanitario público, crear desafección cara ao mesmo pola cidadanía e os profesionais e construír a alternativa privada en busca de beneficios duns poucos á conta da saúde de moitos.

Desde Podemos Galicia chamamos á cidadanía e aos profesionais do sector a mobilizarse o vindeiro dia 9.

Porque é o momento da alternativa.

É o momento dun novo goberno que poña as prioridades colectivas, o ben común e a saúde da cidadanía por encima dos intereses duns poucos.