Podemos pídelle á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra que rectifiquen antes de xerar o “culebrón Fitur”

Román González Garrido: “Non se entende como a estas alturas os partidos que xestionan estas dúas institucións se encerellan nunha disputa de cadeiras”.

Pontevedra, 11 de xaneiro de 2022. Podemos vén de manifestar o seu malestar ante as desavinzas públicas entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra respecto á próxima participación en FITUR e insta ás dúas institucións que reconduzan a situación antes de que se converta no “culebrón Fitur”.

O voceiro do Consello de Coordinación de Podemos en Pontevedra, Román González, amósase moi crítico co cruce de declaracións protagonizado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e indica que “con esta polémica non se está a actuar coa responsabilidade que merecen as institucións ás que representan”.

Podemos pídelle á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra que rectifiquen o que consideran unha polémica estéril e afastada das demandas reais dos galegos e galegas e do sector turístico que ve como a difícil situación que están a atravesar debido á COVID19 se aborda dende a confrontación partidista. 

“Non se entende como a estas alturas os partidos que xestionan estas dúas institucións se encerellan nunha disputa de cadeiras, cando o que deberían é tecer marcos de colaboración para facilitar a saída do sector turístico da crise que atravesa”, manifesta Román González quen ademais insta a Xunta e Deputación a reflexionar en común para poñer en marcha de maneira conxunta políticas que verdadeiramente se centren nas necesidades da provincia de Pontevedra e expliquen se para eles “FITUR é simplemente unha foto”.