Podemos Galicia pediu este martes unha Lei de Saúde Mental para Galicia que reforce a área de psicoloxía e psiquiatría nos hospitais para garantir a asistencia segundo as necesidades da poboación.
Galicia é a comunidade autónoma con máis ansiolíticos en todo o Estado e tras a pandemia os trastornos mentais aumentaron nun 47%. A voceira de Podemos Galicia, Verónica Hermida, defende que “é o tempo de falar e de facer política para a saúde mental. O PP xa rexeitou unha lei para blindar un servizo que debe ser ofrecido desde a pública con garantías de calidade asistencial. Non se decatan de que a saúde mental non pode depender do nivel de renda”.
As mortes relacionadas co benestar mental superan nun 50% a media nacional e 10.000 galegas e galegos están en lista de espera aínda para a súa primeira cita. “Os datos son gravísimos e o Sergas non está a dar resposta ás persoas que necesitan atención psicolóxica de maneira inmediata. Hai casos preocupantes mesmo de persoas en programas de prevención do suicidio que foron desatendidas ao longo do verán por falta de persoal. Gustaríame ver a Rueda defendendo diante destas familias a boa situación da sanidade no noso país”, sostén Hermida.
Podemos propuxo a ampliación e o reforzo das áreas nos centros de saúde e hospitais, así como unha atención a domicilio mediante a creación dos ETAC (Equipo de Tratamento Asertivo Comunitario). Un suporte ás entidades sociais e de profesionais, apoio ás entidades de inserción laboral e psicosocial que abordan este problema e a creación de plans municipais de saúde mental.
Nos últimos 10 anos reducíronse o número de camas de rehabilitación de trastornos graves nun 54%. Os expertos estiman que a primeira causa de discapacidade no mundo no ano 2030 será por trastornos mentais. “Con estes datos o que temos que facer é traballar desde xa para protexer a saúde mental das persoas, creando un sistema de atención psicolóxica e psiquiátrica forte para cubrir toda a demanda existente. A saúde mental non pode esperar”, defende a voceira.