Podemos Lugo leva ao Congreso unha iniciativa relativa á planificación e inversións para o desenvolvemento de infraestruturas ferroviarias na provincia de Lugo

A petición do Círculo de Podemos Lugo, tras manter unha xuntanza coa Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” (CoGave) e a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo Lucus Augusti, Antón Gómez Reino presentou unha iniciativa para coñecer as previsións do Ministerio para o desenvolvemento de infraestruturas ferroviarias na provincia de Lugo.

O deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, ven de presentar unha iniciativa no Congreso dos Deputados para que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana resolva a situación de illamento na que vive dende fai anos a veciñanza da provincia de Lugo. Esta xestión responde á petición do Círculo de Podemos Lugo.

Podemos recorda que as combinacións de trens dende a Provincia de Lugo a outras cidades de provincias limítrofes como Pontevedra ou Santiago de Compostela son escasas, e nalgúns casos nin existen estas combinacións. Tamén recorda que normalmente as combinacións que hai teñen un período de tempo estimado no percorrido de máis de tres horas de duración, unha hora máis do que se faría este transporte en coche. Isto fai que a cidadanía non teña un servizo de transportes público que satisfaga as súas necesidades fomentando o illamento da provincia de Lugo fronte as outras provincias que si teñen estas conexións, e incentiva tamén o transporte individual en coche.

Ante a queixa de veciños e veciñas da zona, o círculo de Podemos Lugo, contactou con Antón Gómez Reino co fin de “saber se o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana é coñecedor desta situación e ten previsto algún investimento para corrixir unha situación da que é responsable”.

Fontes de Podemos Lugo destacan que «Dende Podemos Lugo traballaremos para acadar unhas infraestruturas que garantan a mobilidade e accesibilidade da veciñanza en condicións de igualdade nunha provincia continuamente esquecida polas administracións»