A formación considera que o Goberno bipartito non pode quedar de brazos cruzados ante episodios como a inundación desta semana.
Ximena Cheda: “Dende o SERGAS estase a minimizar o acontecido o mércores no HULA. Pedímoslle ao Concello que non faga o mesmo mirando cara outro lado”
Podemos Lugo vén de sinalar a inacción do Goberno Local ante a inundación desta semana no HULA. A formación considera que o goberno bipartito non pode quedarse de brazos cruzados e acusa á Xunta de minimizar o episodio dantesco que se viviu este mércores no Hospital Universitario Lucus Augusti.
As inundacións vividas o pasado mércores no HULA, que requeriron a intervención do persoal de mantemento e sanitario, son, segundo indica a voceira de Podemos Lugo, Ximena Cheda, “motivo suficiente para que o Goberno Local solicite unha xuntanza na que o SERGAS dea explicacións, e, sobre todo, informe das solucións que propoñen para que isto non volva ocorrer. ”
Recorda Ximena Cheda que “non é a primeira vez que se viven episodios como este no HULA” e considera grave “que o persoal teña que verse abocado a resolver situacións deste tipo por non ter unhas instalacións óptimas nas que prestar unha asistencia esencial para a veciñanza”. Por iso Podemos cre que “o goberno de PSOE e BNG non pode quedar de brazos cruzados e debe mover ficha esixindo que esta situación non se volva repetir”.
Ademais, a formación cre que dende o SERGAS “se está a minimizar o vivido o mércores no HULA”, ao limitar o episodio a “filtracións” e a que un sumidoiro “non acadou a absorber a cantidade de líquido caída”, cando “as imaxes son explícitas do vivido”. Por iso, consideran que é importante que se investigue o que pasou antes de dar unhas explicacións que o que pretenden é eximir de responsabilidade á Consellería de Sanidade e pídelle ao Goberno Local que dende o Concello “non se minimice mirando cara outro lado, dado que todo o que acontece en Lugo debería ser da súa incumbencia”.