Podemos lamenta que a neglixencia do PP de San Cibrao teña que pagala a veciñanza

O Consello de Ministras aprobou este martes a sanción ao Concello de San Cibrao por delito ambiental

O Consello de Ministras vén de aprobar unha sanción de 1.000.000 de euros ao Concello de San Cibráo e a obrigación de indemnizar polos danos causados ao dominio público hidráulico na cuantía de 184.745,81 euros por realizar verteduras contaminantes sen autorización do Organismo de cuenca no termo municipal de San Cibrao das Viñas.

Víctor Ferreiro, voceiro provincial de Podemos Galicia, denunciou os malos tratos que sufriu ao longo dos últimos anos o río Barbaña, un dos principais leitos no país obxecto de continuos ataques ambientais. “Non é a primeira sanción, pero si esperamos que sexa a última, o Goberno local ten que tomarse en serio a protección dos nosos ríos e ecosistemas. É un deber das administracións galegas promover e fomentar o respecto ao medio ambiente”.

O Goberno impuxo a sanción por incumprimento de autorización de vertedura outorgada pola Confederación Hidrográfica do Norte en 2004, ao realizar varias verteduras en 2018 e 2019 ao leito do río Barbaña, superando os límites de emisión de verteduras e propiciando danos ao dominio público hidráulico.

“Unha vez máis, as sancións por incumprimentos ambientais sacan as cores aos Gobernos do Partido Popular. Instamos ao Concello de San Cibrao a poñer en marcha plans de rexeneración e recuperación do río Barbaña e traballar de maneira inmediata para que non continúen as denuncias que teñen a súa orixe en 2009”, sinalou Ferreiro.

O Goberno tamén informou de que a sanción se cualifica como “moi grave” debido á transcendencia en relación coa seguridade das persoas e os bens, dado que a zona onde se produciron as verteduras está protexida, e tamén á culpabilidade e continuidade da conduta infractora. Ferreiro insistiu en que “é por culpa do PP que o Concello de San Cibrao vai a ter que pegar esta sanción”.