Podemos Galicia urxe á Xunta a compatibilizar a RISGA co Ingreso Mínimo Vital para non deixar desprotexidas a miles de familias vulnerables

Gómez Reino: “É indecente que a Xunta, que dispuxo dun ano para facela compatible co IMV, reclame agora a súa devolución, poñendo a miles de fogares nunha situación extrema”

Podemos Galicia presenta mocións municipais instando á Xunta á modificación da Lei autonómica como xa fixeron en comunidades como País Vasco, Aragón, Canarias ou Navarra. 

Podemos Galicia está a presentar mocións municipais para solicitar a modificación do decreto de inclusión social de Galicia para compatibilizar o cobro da RISGA co Ingreso Mínimo Vital (IMV).

Nestas últimas semanas estamos vendo como miles de galegas están recibindo unha misiva por parte da Xunta de Galicia pedindo o reingreso dos importes percibidos da RISGA dende que solicitaron o IMV. O motivo é a incompatibilidade da RISGA con outro tipo de prestación segundo recolle o artigo 6.4 da Lei 10/2013 de 27 de novembro e no artigo 16 do DECRETO 14/2019 do 31 de xaneiro, de inclusión social de Galicia.

Podemos Galicia propón que se modifique a lexislación autonómica pois o IMV está regulado polo RD-Lei 20/2020 que é compatible con outro tipo de axuda social. Isto xa foi posto en práctica en outras comunidades coma País Vasco, Aragón, Canarias ou Navarra, mais o Goberno de Feijóo decide poñer moratorias de pago de 30 meses para a devolución das cantidades.

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, sostivo que “é indecente que a Xunta, que dispuxo dun ano para facela compatible co IMV, reclame agora a devolución da RISGA, poñendo a miles de fogares nunha situación extrema e facéndolles pagar as consecuencias da súa torpeza, xa que o importe pode ascender a 3.720€. 

“Non valen as moratorias da Xunta, estas prestacións deben ser compatibles sempre que non superen os limiares económicos fixados na lei” finaliza Antón Gómez Reino, quen defendeu a necesidade de traballar para acadar unha “renda básica galega” que garanta a protección e dignidade das persoas en situación de vulnerabilidade no país.