Podemos Galicia pronunciouse este mércores sobre os orzamentos da Xunta para 2023 aprobados onte no Parlamento. Para a formación o PP impón o seu rodete e é incapaz de chegar unha síntese que representa a todos os galegos e as galegas.
“O PP goberna para uns poucos”, alega o coordinador nacional de Podemos Galicia, Borja San Ramón. “Rebaixas fiscais para os ricos, rebaixas para os bingos, flexibilizar as normas para construír en chan rústico ou modificación da moratoria dos parques eólicos. Estas son as políticas que axudan aos que máis teñen e prexudican ás familias”, defende.
Así mesmo, Podemos Galicia criticou tamén a Lei de Acompañamento, que contempla modificacións en ata 35 normas de maneira “pouco transparente”. “O PP critica no Estado o que impón en Galicia”, sostén.
“Os primeiros orzamentos de Rueda non resolven nada. Non hai unha aposta clara por protexer os servizos públicos, a economía das familias ou por impulsar a fixación de xente nova no noso país. É indecente falar de orzamentos sociais cando quitas a tarxeta básica que garantía cuestións esenciais para as familias máis vulnerables. Non se pode presumir dos orzamentos máis altos para Galicia cando non invistes para resolver un problema fundamental como é o estado da sanidade e a Atención Primaria. Estes orzamentos o que demostran é que Rueda e o PP son alleos á realidade que viven os galegos e galegas”, alega o coordenador nacional.