Podemos Galicia presentará mocións municipais para a renovación do convenio colectivo e a mellora das condicións laborais das traballadoras do Servizo de Atención ao Fogar (SAF). 

A formación sinala que o convenio que establece a regulación laboral do Servizo de Atención ao Fogar en Galicia está caducado desde o 2011 e que a evolución salarial realízase en función da subida do IPC, o que supón que “as condicións salariais están desfasadas”. Como consecuencia, os salarios tenden a ser baixos e os contratos temporais, que en ocasións pódense considerar fraude de lei, sen respectar as baixas por enfermidade ou as condicións pertinentes para as xubilacións. 

A portavoz de Podemos Galicia, Verónica Hermida, sinala que as traballadoras do SAF “son o exemplo da precarización dun sector feminizado no que as empresas se negan a revisar un convenio que non se axusta ás condicións laborais acordes a un labor tan esencial”.  

O SAF é un servizo desempeñado na súa maior parte por mulleres que están especializadas nunha serie de atencións que son fundamentais para o desenvolvemento da vida de moitas persoas, pero aínda a día de hoxe non hai compromiso do Goberno do PP e de moitos gobernos locais para defender os dereitos destas traballadoras. 

Podemos Galicia ademais tamén insta ao Ministerio de Sanidade ao recoñecemento das enfermidades profesionais específicas do SAF e á inclusión das traballadoras -como xa se fixo co persoal sanitario- para que a covid sexa considerada unha enfermidade profesional. 

“A intención desta moción é que a Xunta se implique para que a patronal se aveña a a actualizar o convenio, dado que é un servizo sobre o que ten as principais competencias. Buscamos que o conxunto de administracións asuman a súa responsabilidade para mellorar as condicións dunhas traballadoras que sofren no seu corpo e vida as consecuencias dun labor que pagan coa súa saúde”.