Podemos Galicia presenta mocións municipais para esixir á Xunta a paralización dos plans eólicos

A formación reivindica o papel dos concellos para impulsar un modelo de transición enerxética respectuoso co medioambiente ante os continuos incumprimentos ambientais por parte do Goberno de Feijóo

Santiago, 4 de xuño. Podemos Galicia está a presentar mocións municipais para deseñar un plan de transición enerxética xusta e instan á Xunta a decretar unha paralización eólica ata unha nova redacción que cumpra co estipulado na nova Lei de Cambio Climático.

A intención desta iniciativa é protexer o patrimonio natural de Galicia apostando por modelos de transición enerxética que xeneren riqueza para a comunidade e activen a economía local. Ante os constantes incumprimentos ambientais por parte da Xunta de Galicia, solicitan aos concellos a deseñar un plan a nivel municipal para a transición ecolóxica e non deixar en situación de vulnerabilidade paraxes de especial importancia.

De feito, Galicia é a comunidade do Estado Español coa menor superficie protexida baixo figuras como a Rede Natura 2000, a pesar da súa indubidable riqueza natural, feito que propiciou que a Comisión Europea abrira unha investigación. 

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, explicou este venres que “é crucial que os concellos participen no deseño dunha estratexia de transformación cara unha transición verde e igualitaria para todas”. 

Gómez Reino asistirá este sábado á manifestación en Santiago de Compostela polo Día do Medio Ambiente. “Temos que defender a nosa terra máis que nunca, ameazada por múltiples proxectos de parques eólicos que pretenden destruír os nosos ecosistemas en beneficio de grandes multinacionais”.

Pincha aquí para ver o vídeo do noso Secretario Xeral, Antón Gómez Reino, desde a Serra da Groba.