Manuel Nogueira: “É fundamental que nunha crise coma a que estamos a vivir se tomen medidas valentes que demostren que os gobernos están do lado das familias e das pequenas empresas”.

Santiago de Compostela, a 10 de marzo de 2022. Podemos Galicia vén de rexistrar mocións municipais co fin de que se tomen medidas inmediatas para abaratar a factura da luz desacoplando o prezo da enerxía do prezo de gas, recortando así os chamados “beneficios caídos do ceo”.

Desde o ano pasado os prezos da luz están disparados e a situación xeopolítica actual só fará que estes aínda se incrementen máis. O disparatado custo do gas, agora en prezos máximos como consecuencia da guerra en Ucraína, distorsiona o prezo da enerxía e, a pesar de que a enerxía producida mediante renovables, hidráulica e nuclear sae moito máis barata, o custo a pagar pola súa produción é o mesmo que o que se paga polo gas, os famosos WindFalls Profits ou beneficios caídos do ceo, como consecuencia do sistema marxinal de prezos.

“En Podemos levamos tempo insistindo en que un sistema xusto de prezos pasaba por recortar os chamados beneficios caídos do ceo das eléctricas”, recorda o responsable de municipalismos de Podemos Galicia, Manuel Nogueira, quen salienta que “só nesta situación extrema parece que as institucións se aveñen a contemplar o que levamos anos denunciando”.

Podemos celebra este cambio, a pesar de chegar tarde e co sufrimento de moitas familias detrás, porque, segundo Manuel Nogueira, “é fundamental que nunha crise coma a que estamos a vivir se tomen medidas valentes que demostren que os gobernos están do lado das familias e das pequenas empresas” e considera que esta medida non pode ser “puntual”, senón que debe derivarse en transformacións estruturais que acaden un sistema eléctrico sostible e que garanta o acceso universal da enerxía. “Os inxentes beneficios das grandes empresas do sector eléctrico non poden levarse por diante ás familias e ás PEMES do noso país, debemos actuar de maneira inmediata pero coa vista posta no futuro”, conclúe Manuel Nogueira.