Podemos Galicia pide o compromiso dos concellos e da Xunta para a implantación dun Punto Violeta en todos os municipios

Verónica Hermida: “A proposta do Ministerio de Igualdade coa creación dos puntos violetas convértenos a todas as persoas en parte activa da solución”

Podemos Galicia está presentando mocións municipais para a implantación do Punto Violeta en todos os concellos de Galicia, unha medida incluída no “Plan de Mellora e Modernización contra a Violencia de Xénero” aprobado o pasado mes de xullo no Consello de Ministras. 

As propostas integradas neste paquete de medidas pretenden fomentar a sensibilización da sociedade sobre as violencias machistas, detectar de forma temperá a violencia en servizos públicos de proximidade, apoiar ás mulleres vítimas para que rompan coa violencia, ofrecer recursos para as súas familias, protexer aos infantes e reforzar a protección das mulleres en risco, habendo denunciado previamente ou non. 

A responsable da Secretaría de Feminismos Interseccional e LGTBIQ de Podemos Galicia, Verónica Hermida, alegou que “acabar coas violencias machistas require o compromiso do conxunto da sociedade. A proposta do Ministerio de Igualdade coa creación dos puntos violetas convértenos a todas as persoas en parte activa da solución”. 

O Punto Violeta é unha ferramenta que permitirá implicar a todo o conxunto da sociedade na loita contra a violencia machista, e achega a información necesaria para saber como actuar ante un caso de violencia contra as mulleres. A moción, que xa foi presentada e aprobada nalgúns concellos, insta aos Gobernos locais a apoiar esta iniciativa dando difusión aos materiais de campaña tanto nas redes como en espazos públicos e tamén á habilitación dun Punto Violeta en todos os eventos municipais. 

Podemos Galicia pediu o compromiso da Xunta de Galicia. “Galicia e os concellos, como institucións máis próximas á veciñanza, deben de dotar de recursos e acompañar á sociedade e vítimas na loita pola igualdade entre homes e mulleres e o fin das violencias machistas nas súas múltiples expresións, dende as máis evidentes ata as máis normalizadas”, subliñou Hermida.