Podemos Galicia pide o compromiso da Xunta e concellos para frear a crecente LGTBIfobia

Podemos Galicia está a presentar mocións municipais para o desenvolvemento dos dereitos das persoas LGTBI+ e para unhas vilas libres de LGTBIfobia, tralo aumento dos delitos de odio contra o colectivo nos últimos meses.

En Galicia a Lei 02/2014 conta con pouco recursos debido ao escaso orzamento que aporta a Xunta de Galicia e como consecuencia, diminúe a eficacia da súa aplicación. Un dos seus recursos claves, o Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, activouse a finais de 2018, mais non foi ata hai uns días, despois do asasinato de Samuel, cando se aprobou o seu regulamento.

“Isto non é admisible”, resalta a responsable da Secretaría Feminismos Interseccional e LGTBIQ de Podemos Galicia, Verónica Hermida, en relación a xuntanza deste órgano mantida o 7 de xullo. “É preciso desenrolar de maneira eficaz e inmediata a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais”, subliña Hermida.

Podemos Galicia insta aos concellos a deseñar, en colaboración con organizacións e entidades LGTBI+, así como con asociacións de hostaleiros, campañas enfocadas a prevención da violencia LGTBIfóbica para un «ocio nocturno inclusivo». A Axencia de Dereitos Fundamentais da Unión Europea (FRA) publicou o ano pasado o maior estudo realizado sobre delitos de odio e discriminación contra as persoas LGTBI+, e os datos amosan como aumentaron en España nun 8,6% en 2019 e un 19,3% en Internet.

O avance da ultradereita en Europa coincide coa aparición destes discursos que negan a violencia contra as persoas LGTBI+, e isto só se radica a través de políticas sociais e igualitarias que blinden os seus dereitos para acadar unha sociedade máis xusta para todas. “O Goberno de Galicia debe seguir os pasos do Ministerio de Igualdade e traballar ao carón dos colectivos nunha lei autonómica que avance sobre os dereitos das persoas LGTBI”, sinalou Hermida. “Hai que crear unha lei trans galega”.