Podemos Galicia pide á Xunta a ampliación dos contratos ARCO en Educación e contratos estables para o profesorado

A formación anima á mobilización convocada mañá diante da Consellería de Educación

Podemos Galicia denunciou este martes a falta de continuidade dos contratos ARCO segundo anunciou a Consellería de Educación, unha medida que dota de profesorado aos centros de ensino grazas aos fondos enviados polo Goberno estatal e a Unión Europea.

A formación sinalou que a propia administración autonómica debe dispoñer do profesorado suficiente ao longo de todo o ano e non apoia esta decisión da Xunta, que argumenta que os contratos teñen carácter finalista e deben rematar este ano. “380 profesoras irán á rúa. Que o señor Feijóo explique cal é a súa proposta se elimina ata o reforzo de persoal que axuda a abordar o déficil de profesorado nas escolas galegas. Pedímoslle á Xunta que amplíen os contratos ARCO para garantir que as necesidades nas escolas públicas estean cubertas”, sinalou o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino.

A isto súmaselle a cantidade de vacantes sen cubrir nas escolas que aumenta chegada a tempada de inverno, segundo datos de CCOO, ata 240 prazas na actualidade. A falta de substitucións durante as vacacións de Nadal, así como as baixas por coronavirus en plena sexta onda, incrementaron a falta de profesoras nas aulas, como veñen de denunciar varias asociacións estudiantís.

Gómez Reino lembrou que nas escolas públicas non se cobren as vacantes desde o 30 de novembro, e pediu á Xunta que escoite tanto á comunidade educativa e ás asociacións de nais e pais que demandan unha atención de calidade para os seus fillos como ao profesorado, que merecen “contratos estables e unhas condicións laborais dignas”.

Podemos Galicia mostrou o seu apoio á mobilización que terá lugar mañá mércores 15 de decembro ante a Consellería de Educación.