Instamos ao Goberno galego a abrir xa unha liña de axudas públicas para que o sector poida adaptarse axiña ao Plan de Hostalería Segura

Demandamos a instalación de medidores de CO2 e filtros nos centros deportivos, culturais e sociais pechados de titularidade pública

Santiago, 19 de abril.- Desde Podemos Galicia instamos á Xunta a que estableza con carácter inmediato unha liña específica de subvencións á hostalaría galega para a adquisición de medidores de dióxido de carbono (Co2) e filtros de aire (HEPA) dentro dos pasos necesarios para a adaptación ao Plan Hostalería Segura, como pasos preventivos na loita contra a Covid.


Cómpre lembrar que desde marzo do 2020, moitos sectores do noso tecido productivo víronse afectados dun xeito máis intenso polas restriccións que foi necesario adoptar na protección da saúde pública. Entre eles, particularmente, a hostalaría e o comercio de proximidade, do que dependen miles de empregos e traballadoras autónomos.

Malia a súa áxil adaptación ás medidas de protección individual (xel, máscaras e distancia), o Goberno de Feijóo vén de solicitar o emprego de detectores de CO2 como ferramenta complementaria para medir a concentración como unha medida máis para implementar as garantías sanitarias na loita contra a Covid19.

Desde Podemos Galicia consideramos fundamental que sexa o propio Goberno galego o que, ademais de reclamar o seu emprego -medidores de dióxido de carbono e filtros de aire- estableza, ao tempo e coa maior urxencia, una liña específica de axudas públicas en concorrencia non competitiva para axudar a cubrir os costes da adquisición por parte dos hostaleiros, comercio local, Pemes e autónomos para o seu emprego en locais de afluencia pública.


Ao tempo, demandamos a instalación de medidores e filtros (HEPA) nos centros deportivos, culturais e sociocomunitarios pechados e de afluencia pública de titularidade pública como medida adicional de prevención na loita contra a COVID 19.

Por último, apuntar a necesidade de realizar rastrexos retrospectivos cando se detecten casos positivos de COVID en calquera establecemento.