Este sábado 18 de decembro ás 11:00 H, os sindicatos CCOO, UXT e CIG, convocan unha gran mobilización en Vilagarcía de Arousa coa que reivindican un convenio xusto para o sector conserveiro.
O sector da conserva é fundamental e moi característico de Galicia, sen embargo, trátase dun sector maiormente feminizado no que as condicións de traballo se caracterizan pola precarización e os baixos salarios, a pesar de pertencer ao ramo da industria. Dende Podemos Galicia queremos poñer o foco na discriminación estrutural dos sectores de emprego tradicionalmente femininos e na necesidade de romper a vinculación entre traballo feminizado e traballo precarizado. A conserva non é só un sector estratéxico para o noso país pola súa importancia económica, senón que se trata tamén dun sector fortemente ligado coa nosa cultura e forma de vida. Por iso, Podemos Galicia súmase ás reivindicación sindicais fundamentadas nestes catro eixos:
- Estabilidade no emprego.
- Incrementos salariais acordes co traballo e garantía salarial segundo o IPC.
- Eliminación da discriminación salarial que padecen as mulleres.
- Máis dereitos e permisos que permitan a conciliación entre a vida laboral e salarial.
Podemos Galicia chama a mobilizarse este sábado coas mulleres e sindicatos do sector conserveiro e a continuar a presión e as reivindicacións ata que estas se reflictan na sinatura dun convenio xusto que garanta condicións de vida e salarios dignos para as traballadoras e traballadores.
