• A Consellería de Educación ten previsto pechar ata unha treintena de colexios e agrupar ao alumnado en outros centros
  • Gómez Reino: “Feijóo fala de potenciar o rural pero non fai máis que abandonalo recortando en educación pública”

Santiago, 15 de xullo.- Podemos Galicia criticou este mércores os peches de aulas e supresión de profesorado nunha treintena de centros de educación infantil e primaria por parte da Consellería de Educación que afectarían ao próximo curso 2021-2022.

Durante a crise sanitaria, os centros educativos tiveron que ampliar espazos e distribuír ao alumnado para respectar as distancias de seguridade, algo que tivo moi bo resultado xa que posibilitou unha atención máis específica e que o propio profesorado agradeceu para facilitar o seu labor e contribuír á mellora da educación pública.

Sen embargo, a Xunta prefire desmantelar as escolas públicas, un servizo básico, masificando as aulas e pechando centros, algúns deles no rural galego, como os centros CEIP de Bagamonde (Begonte) ou o CEIP Pino de Val (Mazaricos), así como agrupar a todo o alumnado de primaria no CEIP Aerouta (Sardiñeiro). 

“Agora que rematou o curso e que a situación sanitaria é máis estable vénse as intencións da Xunta, como xa viña facendo antes da pandemia”, criticou este mércores o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino. “Da covid aprendimos que hai que investir en servizos públicos, reforzando o profesorado en todas as etapas educativas e tamén para a atención á diversidade”.

“Feijóo fala de potenciar o rural pero non fai máis que abandonalo recortando en educación pública». A Xunta debería escoitar á comunidade educativa, que insiste nos bos resultados de duplicar espazos nos colexios para atender á diversidade e ás demandas de cada alumna”, sinalou.

Podes descargar aquí a nota de prensa.