Podemos Galicia explicou este xoves que a falta de prevención e de medidas efectivas na loita contra os incendios da Xunta para este ano volve demostrar un PLADIGA ineficaz, centrado na extinción do lume e con pésimos resultados en veráns anteriores.
Ante unha posible vaga de incendios que se augura por unha serie de factores como un maio moi cálido, a subida de temperatura 3º por encima da media, prealerta por seca e grandes franxas de seguridade sen limpar, o PLADIGA supón un parche temporal. Podemos Galicia defende que a Xunta debería ir á raíz do problema apoiando aos concellos e comarcas para a organización veciñal e a formación de brigadas de limpeza para o mantemento dos montes e de terreos actualmente abandonados.
Neste sentido, en lugar de apostar por medidas de prevención, a Xunta infesta Galicia de eucaliptos, que son coma gasolina para o lume. Sen ordenación forestal, sen unha correcta disposición de medios, sen unha adaptación dos programas aos distintos concellos e comarcas, como pode estar Galicia preparada para loitar contra os incendios?
En Galicia concéntrase o 70% da superficie queimada de todo o Estado e os custos económicos que supoñen os incendios forestais para a comunidade son moi elevados. A formación alega que o último que necesita Galicia agora, no medio dunha situación económica complicada tras a crise sanitaria e dunha subida de prezos debido á guerra en Ucraína, é un desembolso pola irresponsabilidade do Goberno do PP que segue cometendo os mesmos erros ano tras ano.
Podemos Galicia defende unha nova política forestal que recupere o bosque autóctono e asuma unha loita contra a desertización, o que ademais sería loitar contra o cambio climático. A biodiversidade e o patrimonio natural de Galicia destrúese cos incendios forestais, coas tallas indiscriminadas por parte de empresas privadas, e co monocultivo promovido pola Xunta do piñeiro e o eucalipto, o que coloca ao noso país nunha situación de vulnerabilidade.