Podemos Galicia denuncia que o PP incumpra a Lei de Memoria Histórica e rebautice unha sala do Parlamento co nome dun falanxista

– A Sala Xunta de Portavoces pasará a chamarse Sala Antonio Rosón, primeiro presidente da Xunta vinculado á Falanxe e figura da represión na comarca dos Ancares

– Gómez Reino: “Esiximos a Feijóo que aplique a lei, se poña do lado da democracia e non glorifique a un represor nun edificio público”

Podemos Galicia denunciou este luns que a Sala Xunta de Portavoces do Parlamento pase a chamarse Sala Antonio Rosón, unha medida aprobada polo PP de Feijóo que incumpre A Lei de Memoria Histórica por exaltar a unha figura relacionada coa Falanxe Española e coa sublevación militar.

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, criticou que a Xunta utilice como escusa o recoñecemento de “figuras ilustres” da cultura e a historia galegas para as novas denominacións da Cámara. “Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Castelao, Emilia Pardo Bazán, iso si son figuras ilustres de Galicia, non un fascista que perseguiu aos demócratas e que encabezou a represión nos Ancares”, explicou Gómez Reino.

Antonio Rosón foi presidente da preautonomía e primeiro presidente do Parlamento de Galicia. En 1936 ingresou na Falanxe de Becerreá e proclamou o Estado de Guerra coa sublevación dos militares contra a República. Por aquel entón foron máis dunha ducia de cadáveres os executados a cargo de milicias fascistas e da Garda Civil, como veñen denunciando asociacións de memoria histórica que se posicionaron en contra da decisión da Xunta.

A Lei de Memoria Histórica recolle no seu artigo 15 que “As Administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura.”

“Non entendemos que o PSdeG se abstivera nesta votación, cando o propio Goberno Central impediu fai pouco que o aeroporto de Murcia levase o nome «De la Cierva». Debe ser un compromiso político recuperar a memoria, pero para iso hai que nomear a estas personalidades da ditadura como o que realmente son. Antonio Rosón foi partícipe dunha das épocas máis duras da nosa historia, non é merecedor de ningún recoñecemento. Esiximos a Feijóo que aplique a lei, se poña ao lado da democracia e non glorifique a un represor nun edificio público. Aínda está a tempo de rectificar.»