A Xunta anunciou a creación de 106 novas plazas cando moitas delas xa están cubertas
Verónica Hermida, voceira: “Non é unha medida seria porque non vai á raíz do problema que existe na sanidade galega, que é a falta de recursos derivada dos recortes e do desmantelamento dos servizos públicos que exerce o PP de Galicia”
Podemos Galicia considera o anuncio da Xunta de Galicia sobre a creación de postos de difícil cobertura unha “maquillaxe electoral” que deixa en evidencia a incompetencia do Partido Popular para xestionar o abandono que sofre Atención Primaria no noso país.
O “Anteproxecto de lei de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura” no Sergas anunciado pola Consellería de Sanidade e que vai crear “106 plazas” é para Podemos Galicia papel mollado, xa que algunhas desas vacantes xa se atopan actualmente cubertas. É o exemplo de Pontevedra, onde a Xunta anunciou 40 prazas cando en realidade só 6 serán novas.
Da mesma maneira e como sinala o documento publicado pola Xunta de Galicia, comarcas como O Salnés e O Barbanza teñen menos puntuación para cubrir prazas, cando son distritos que teñen carencias en persoal médico e aos que se está discriminando sen ningún tipo de criterio.
“Véndese como un proxecto único e novo algo que é vello e que non vén a solucionar nada na situación de sobrecarga que atravesan os centros de saúde en Galicia”, denuncia a voceira de Podemos, Verónica Hermida. Sinala tamén que este proxecto de lei non conta con dotación orzamentaria para poder sacar estas prazas a concurso, co cal, o PP “volve adxudicar prazas a dedo en función dos seus intereses”.
Para a elaboración do anteproxecto non se contou cos sindicatos nin con organizacións sanitarias para dar resposta aos problemas estruturais que a Consellería de Sanidade, en función das súas competencias, debería acometer con urxencia para descargar as listas de espera e fortalecer a rede sanitaria.
“Non é unha medida seria porque non vai á raíz do problema que existe na sanidade galega, que é a falta de recursos derivada dos recortes e do desmantelamento dos servizos públicos que exerce o PP de Galicia. Non se están creando novas vacantes na sanidade porque non hai orzamento, é simple, e por iso este proceso non garante a igualdade ao acceso das prazas que deberían ser fixas e propias dunha convocatoria pública”, alega a voceira de Podemos Galicia.