Podemos Galicia denuncia que a Xunta discrimina ás mulleres nas súas axudas á conciliación familiar

A Secretaría Xeral de Igualdade bonificará exclusivamente aos homes por solicitar reducións da xornada de traballo nas familias non monoparentais

Verónica Hermida: “As mulleres que decidan acollerse á reducción de xornada terán que asumir unha perda adquisitiva que, no caso dos homes, lles será compensada”

Podemos Galicia denunciou este xoves a discriminación nas axudas da Xunta á conciliación da vida familiar e laboral pola redución da xornada de traballo como medida de corresponsabilidade ao bonificar exclusivamente aos homes nas familias non monoparentais, o que afonda aínda máis na fenda salarial e nas desigualdades de xénero. 

A resolución do 15 de xuño de 2021 da Secretaría Xeral de Igualdade pretende “equilibrar” unha repartición das tarefas no ámbito doméstico, reprodutivo e de coidados, unhas responsabilidades que recaen maioritariamente nas mulleres. Con todo, lonxe de ser unha acción positiva, incrementa aínda máis a desigualdade entre homes e mulleres. A Xunta non está a ter en conta a fenda salarial que aumentou coa pandemia en todo o Estado e que en Galicia é dun 21,3%, así como as condicións dos seus traballos, con máis temporalidade e máis contratación a tempo parcial. 

Así o explica a responsable da Secretaría de Feminismos de Podemos Galicia, Verónica Hermida: “Non cuestionamos  as  boas  intencións desta iniciativa, pero carece de perspectiva feminista polo que acaba discriminando ás mulleres e dotando de recursos a quen máis ten. As mulleres que decidan acollerse á reducción de xornada terán que asumir unha perda adquisitiva que, non caso dos homes, lles será compensada”.

Os datos explican como a medida que as mulleres teñen fillos diminúen os seus salarios en comparación cos dos homes, de feito, aos pais mesmo lles beneficia a paternidade como apunta un estudo da Organización Internacional do Traballo. A Asociación Petra Maternidades Feministas de Galicia denuncia nesta liña as características da última medida da Consellería de Igualdade, baseándose en varias sentenzas que deixan constancia as diferenzas dos pluses entre homes e mulleres. 

Hermida sinalou que a nivel estatal está a impulsarse o debate sobre a conciliación con propostas que van no senso de ampliar os permisos de paternidades e maternidades e políticas que promovan alternativas á externalización dos coidados sen que iso implique renuncias e  precarización das mulleres. “Galicia debe abrir tamén esa vía incluíndo a colectivos e asociacións feministas que levan tempo traballando neste tema para deseñar unha estratexia galega de conciliación e crianza”, algo que coincide co que reivindican e veñen traballando dende Petra Maternidades Feministas de Galicia.