A formación pide unha transformación do modelo forestal coa veciñanza como partícipe

Ante a vaga de incendios que arrasa Galicia, Podemos denunciou a falta de medios e a falta de previsión por parte da Xunta para combater, como cada verán, os incendios forestais que destrúen a biodiversidade do noso país. 

Con varios lumes activos e cun total de 9.000 hectáreas calcinadas, Podemos critica que “Levamos semanas advertindo de que as condicións eran óptimas para que isto pasase, con todo, a Xunta só actúa cando o dano está feito”. 

Un dos incendios máis graves afecta ao Folgoso do Courel cunha superficie calcinada de 2.500 hectáreas.  Esta paisaxe conforma un dos pulmóns de Galicia e as consecuencias serán “gravísimas”, xa que a falta de persoal nas brigadas impide que se poida apagar o lume o antes posible, así como pola baixa cantidade de puntos de auga disponibles.  

“Agora toca poñer todos os recursos e agradecer o seu traballo ás persoas que están a dedicar todos os seus esforzos á extinción dos incendios activos, moitas veces en condicións precarias, pero urxe abrir un debate serio sobre a necesidade de transformación do modelo forestal, do cal a veciñanza debe ser partícipe. 

É moi difícil que a xente cambie a súa concepción e aposte por outras alternativas cando son as propias administracións as que están a promover a plantación de especies que, como levamos tempo comprobando, poñen en perigo os nosos montes e o medio rural”, sosteñen dende a formación. 

Podemos Galicia segue con preocupación os incendios activos e mostra o seu total apoio ás familias afectadas que se viron obrigadas a abandonar as súas vivendas pola proximidade do lume.