Hermida, portavoz de Podemos Galicia: “Esta medida demostra a catástrofe que supoñería que o PP gobernase durante a pandemia e agora coas consecuencias da guerra de Ucraína. O PP abraza aos millonarios e deixa atrás á maioría social que necesita do Estado de benestar”

Podemos Galicia denunciou este martes o anuncio da bonificación do 50% do imposto do patrimonio por parte do Goberno de Alfonso Rueda, unha medida que beneficia unicamente ás persoas millonarias do país e que responde á campaña que o PP de Galicia lle está a facer a Feijóo desde que chegou a Madrid. 

A voceira de Podemos Galicia, Verónica Hermida, sinala que “Galicia ten un dos peores datos de inflación do Estado. O Goberno da Xunta en lugar de aportar solucións reais ao conxunto de galegas, anuncia medidas que van dirixidas ao 0,3% da poboación mentres que para o resto recortan servizos públicos no peor momento posible”. 

“Rueda di que o que necesita a xente é que se baixen os impostos. A cidadanía o que necesita precisamente é que paguen os que máis teñen para poder ofrecerlles uns servizos públicos de calidade. Atención Primaria é a máis golpeada polas políticas neoliberais do PP e isto sófreo a clase traballadora, as familias que teñen que escoller entre comprar comida ou material escolar, non os que van beneficiarse da rebaixa da Xunta”, alega Hermida.  

“Os 34 millóns de euros que se deixan de ingresar pola rebaixa fiscal ás grandes fortunas poderían inxectarse precisamente en educación, sanidade, atención á dependencia, transporte público, desenvolvemento do rural, políticas que atallen os grandes problemas do país e que alivien os petos das galegas que máis están a sufrir coa situación actual”, continúa a voceira. “Esta medida demostra a catástrofe que supoñería que o PP gobernase durante a pandemia e agora coas consecuencias da guerra de Ucraína. O PP abraza aos millonarios e deixa atrás á maioría social que necesita do Estado de benestar”. 

Podemos Galicia sinala a hipocresía do Partido Popular que, mentres baixa os impostos aos que más teñen, suben bens básicos como a auga en liña co 10,80% do IPC ou aplican a porcentaxe máxima do IBI nos concellos gobernados por eles, como é o caso de Vilanova de Arousa”. Ademais, Podemos alega que é necesaria unha “xustiza fiscal estrutural” con medidas sensatas onde os ricos paguen máis impostos e as familias paguen menos, non só en momentos de crise, senón que ten que converterse nunha política permanente. O imposto ás grandes fortunas é unha boa noticia e precisamente “ten que vir para quedarse”, sostén Hermida. “As políticas valentes serven para conseguir avances sociais, protexer aos máis vulnerables e para dar certezas nestes momentos tan difíciles”.