Podemos Galicia critica o desleixo da Xunta na protección aos profesionais que loitan contra os incendios forestais

Gómez Reino: “O Goberno de Feijóo sempre antepón a propaganda política. En materia medioambiental non deixa de quedar en evidencia”

Podemos Galicia criticou este mércores a incompetencia da Xunta de Galicia tras resultar deserto o concurso para a dotación de roupa técnica para o persoal laboral da Dirección Xeral da Defensa do Monte durante os próximos tres anos, e, á súa vez, destine 1,3 millóns de euros en campañas nos medios de comunicación.

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, sostivo que a “ineptitude da Xunta para a política forestal queda retratada cando permite que os profesionais non estean ben equipados, posto que as campañas en medios son insuficientes cando se carece dunha estratexia de prevención e extinción”. Esta noticia chega poucos días despois de que se fixese público que a última convocatoria da Xunta para a contratación dun helicóptero de labores de extinción tamén quedara deserta. “Feijóo vive continuamente en campaña electoral. Esiximos que se comprometa con esta dura realidade que asola Galicia cada verán ”, apuntou Gómez Reino.

Nun momento crítico no que o patrimonio natural de Galicia está ameazado polos eólicos e pola falta de desenvolvemento das figuras de protección natural por parte da Xunta, Podemos pide responsabilidade á Consellería do Medio Rural e recorda que, aínda sen dar comezo a tempada de incendios, esta fin de semana os lumes xa arrasaron case 540 hectáreas en Galicia, o que fixo que se tiveran que activar os efectivos antiincendios en zonas como Salvaterra de Miño e Folgoso do Courel.

Neste contexto, mañá xoves o deputado Antón Gómez Reino e a voceira Verónica Hermida visitarán o concello ourensán de Lobios para abordar, xunto á Mancomunidade de Montes e integrantes dos círculos da zona, a situación de risco que vive o Xurés cada verán a pesar de tratarse dunha superficie protexida polo seu gran valor natural.

O obxectivo é abordar a política forestal centrada nos lumes e máis cuestións ambientais. “Podemos aposta claramente por unha estratexia baseada na prevención, pero vemos, unha vez máis, que a Xunta chega ao verán cos deberes sen facer, e nin sequera resolve as carencias en materia de extinción máis alá da improvisación e a propaganda”, sinalou Verónica Hermida.