Podemos Galicia critica a incompetencia e falta de compromiso de Feijóo na loita contra o lume

Antón Gómez Reino: “O fracaso da Xunta no proceso de contratación dun helicóptero é un síntoma da improvisación dunha institución que ignora a prevención e fomenta o negocio da extinción”

A formación pronúnciase así tras o coñecemento de que a última convocatoria da Xunta de Galicia para a contratación dun helicóptero de labores de extinción quedou deserta

Tras coñecer que a última convocatoria da Xunta para a contratación dun helicóptero de labores de extinción quedou deserta, Podemos Galicia critica a incompetencia e falta de compromiso de Feijóo na loita contra o lume. O coordinador da formación, Antón Gómez Reino, sinala que “o fracaso da Xunta no proceso de contratación dun helicóptero é un síntoma da improvisación dunha institución que ignora a prevención e fomenta o negocio da extinción”.

Podemos afirma que, a pesar das distintas advertencias do Consello de Contas, Feijóo segue a demorar a convocatoria dos concursos, o que acaba obrigando a prorrogar os contratos vixentes beneficiando ás empresas e prexudicando os intereses dos galegos e das galegas. “Non nos sorprende, porque hai informes que o constatan”, continúa Gómez Reino, “pero pedimos un pouco de responsabilidade”.

Podemos Galicia lamenta que, cando Galicia volva ser asolada polos lumes, a Xunta mirará cara outro lado, achacando a traxedia a accións illadas, cando o que hai de fondo é a consecuencia dun modelo “no que prevalecen as medidas paliativas, ineficaces e custosas fronte as medidas preventivas, máis eficientes e económicas: coa licitación dun hidroavión durante dous meses cubriríase o salario dunha brigada de roce durante todo un ano”, exemplifica Gómez Reino.

Podemos Galicia considera que, ano tras ano, se confirma que o PLADIGA é un plan condenado ao fracaso, e pide unha reformulación do modelo, priorizando as propostas baseadas na prevención anual e non as actuacións cando xa é tarde. Ademais, a formación salienta que o mellor sistema contra aos lumes é apostar por políticas que revertan o despoboamento do rural, facendo da sustentabilidade e coidado dos nosos montes oportunidades de futuro para as persoas. Algo que, lamentablemente, Feijóo está moi lonxe de ofrecer cando a súa é a política do espolio e a venda do patrimonio natural a empresas para favorecer a invasión eólica, ou papeleiras como ENCE.

“Esta nova demora de Medio Rural na contratación de helicópteros amosa que, medio ano despois, Feijóo destituíu a Fernández Couto para que non cambiase nada”, finaliza Gómez Reino.