Gómez Reino:  “É inconcibible que Rueda critique as medidas activadas polo Goberno do Estado cando non puxo en marcha nin unha soa iniciativa propia para paliar o efecto da inflación nas economías familiares e ademais elimina as existentes”

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022.  Podemos Galicia vén de amosar unha posición moi crítica ante a nova de que a Xunta de Galicia non renovará a Tarxeta Básica que facilitaba o acceso a produtos de primeira necesidade a unhas 35.000 familias. Ademais, a formación denuncia a falta dun plan autonómico para paliar os efectos da inflación que complemente as medidas que puxo en marcha o Goberno do Estado. 

“Cáusanos sorpresa e parécenos indecente que Rueda decida non renovar a Tarxeta Básica para o apoio á compra de produtos de primeira necesidade ás familias en situación de vulnerabilidade, cando o que tiña que facer a Xunta é ampliala para que máis familias poidan acceder a ela”, indica o deputado no Congreso dos Deputados e coordinador de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino. 

A formación cualifica as palabras de Rueda nas que afirma que “terminada a situación excepcional, terminada a medida para a situación excepcional” como propias dunha persoa que “vive fóra da realidade e carente de empatía coas familias galegas ás que lles custa chegar a fin de mes debido á alta inflación provocada pola guerra de Ucraína e a crise enerxética”.

“É inconcibible que Rueda critique as medidas activadas polo Goberno do Estado, cando non puxo en marcha nin unha soa iniciativa propia e ademais elimina as existentes”, continúa Gómez Reino, “isto confirma que Rueda é un presidente gris que o único que pode facer é seguir o plan marcado por Feijóo, que é o de tratar de desgastar ao Goberno de Coalición dende a Xunta en vez de traballar polo benestar das galegas e galegos”.

Podemos Galicia comparte o diagnóstico das entidades que traballan contra a pobreza no país sobre a necesidade de renovar a Tarxeta Básica, posto que é un apoio imprescindible para as familias máis vulnerables e insiste en que «debe chegar a máis familias» e na urxencia de que “Galicia conte cun plan propio para paliar os efectos da inflación nas economías familiares, de autónomos e PEMES que complete o deseñado polo Goberno do Estado”.