Podemos Galicia organiza esta fin de semana tres xornadas en Mouriscade (Lalín) nas que a militancia compartirá un espazo de formación, posta en común e ocio nunha paraxe singular galega. A intención desta iniciativa é atoparse tras dous longos anos nos que a pandemia mudou a forma de relacionarse e recuperar o pulso militante para reforzarse e sumar de cara as municipais galegas. 

O encontro está dividido en tres xornadas e será o sábado o día onde se concentrarán o maior número de actividades. Os temas que se tratarán irán dende as cuestións programáticas e de discurso ata unha mesa final na que se debaterá sobre o ciclo político que vén. 

Nesta xuntanza participarán múltiples figuras de Podemos dos distintos territorios como a secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez Martínez, a directora do Injuve, María Teresa Pérez, o secretario xeral do Grupo parlamentario confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, Txema Guijarro, o deputado Gerardo Pisarello ou a deputada na Asamblea de Madrid, Alejandra Jacinto. 

Asistirán tamén e participarán o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, a concelleira da Coruña Isa Faraldo, a concelleira de Vilagarcía María de la O Fernández, a secretaria de ensino de Podemos Galicia, Julia Torregosa, a voceira da formación, Verónica Hermida, o responsable de municipalizamos, Manuel Nogueira, e o coordinador do grupo parlamentario Galicia en Común, Xiao Varela, entre outras. 

Dende Podemos Galicia sinalan que encontro pretende concitar o potencial militante da organización de cara un ciclo electoral marcado polos comicios municipais co reto de reforzar e consolidar a estrutura local para sumar a favor dos galegos e galegas.

En canto ao próximo ciclo político, o coordinador autonómico, Antón Gómez Reino, amosa unha total sintonía co proxecto de Yolanda Díaz, de quen afirma que “representa a esperanza” de moita a xente, e admite que o inicio do seu proceso de escoita supón a oportunidade de “articular unha alternativa de país, digno, xusto e con futuro”. Antes diso, Gómez Reino afirma que “Podemos Galicia estará presente nas próximas municipais no maior número de concellos galegos sumando con aquelas organizacións, movementos sociais e cidadáns que queiran mellorar os seus pobos e as vidas da veciñanza”.