A madrugada do 28 de xuño de 1969, un grupo de mulleres precarizadas e relegadas ás marxes polo sistema heteropatriarcal lideraron a que é considerada como a primeira revolta en defensa dos dereitos das persoas LGTBI no barrio neoiorquino de Greenwich Village. Vivían no autoproclamado país da liberdade e da democracia, pero eran pobres, negras e trans, e por iso estaban condenadas a ser as outras nunha sociedade que as discriminaba e desprezaba por razón de clase, raza e xénero, que lles negaba a súa identidade. Aquela noite, os policías que se achegaron ao pub Stonewall Inn pretendían levar a cabo unha redada máis, pero equivocáronse: rebelándose contra un sistema que as perseguía por non ser normativas, estas mulleres protagonizaron un fito histórico para o movemento reivindicando a súa visibilidade e o seu orgullo de vivir fóra dos límites establecidos. Na súa homenaxe e recordo, hoxe celebramos o Día Internacional do Orgullo LGTBI+.

E facémolo co convencemento de que, máis de medio século despois, a 5.800 quilómetros de distancia, volven ser elas, as mulleres máis precarizadas, as que están á fronte da loita polos dereitos do colectivo como guías transgresoras neste camiño cara ao fin dunha historia de estigma e opresión. Porque son elas as que, alzando a voz nas rúas, fixeron posible unha lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI+.

España empezou a dar pasos nesta dirección en 2005, cando, coa aprobación dunha modificación no código civil, o país converteuse no terceiro en todo o mundo en recoñecer o matrimonio igualitario. Con todo, coa chegada ao Goberno da dereita, este progreso empezou a retardarse ata o punto de que, segundo datos do mapa e índice anual Rainbow Europe, que clasifica a situación legal e política das persoas LGTBI en 49 países europeos, este 2022, España sitúase no posto número 11, caendo cinco lugares nun só ano e ata nove na última década. A causa principal, a desigualdade lexislativa entre territorios, Asturias e Castela e León carecen dunha lei autonómica en materia de dereitos LGTBI. A pesar do traballo dos colectivos, Galicia segue sen ter Lei Trans autonómica e a lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais continúa sen desenvolver. Algo que vén a corrixir a nova lei estatal. 

Esta lei, ademais, poñerá freo á LGTBIfobia e á violencia que a acompaña e que, coa irrupción da ultradereita nas institucións e, en consecuencia, a normalización dos discursos de odio que a avalan, vén experimentando un preocupante incremento. Segundo informes do Ministerio do Interior, en 2021, os delitos por orientación sexual ou identidade de xénero foron a segunda causa de delitos de odio en España, e a que máis crece: os incidentes denunciados o ano pasado foron 477 fronte aos 277 de 2020. En resumo, un de cada catro delitos de odio en España son contra o colectivo LGTBI, especialmente, contra as persoas trans e intersex, contra quen se ceba tamén o resto de formas de discriminación, tal e como se pode deducir da súa situación laboral ou no que se refire ao acceso á vivenda e á saúde.

España volverá colocarse á vangarda dos dereitos humanos cunha lei que despatoloxiza ao colectivo prohibindo as terapias de conversión e mediante a autodeterminación de xénero, que recoñece o dereito a non sufrir mutilación algunha ao nacer e a poder esperar ata un ano para rexistrar o sexo do bebé. España volverá colocarse á vangarda dos dereitos humanos cunha lei que lle devolve o dereito ás mulleres lesbianas, bisexuais e soas ao acceso ás técnicas de reprodución asistida dentro do sistema sanitario de saúde e que elimina a obrigatoriedade do matrimonio para recoñecer a filiación das súas fillas, fillos e filles. España volverá colocarse á vangarda dos dereitos humanos cunha lei feminista que recoñece ás mulleres trans como mulleres,outorgándolles os que son os seus dereitos.

Por todo e sen esquecernos das persoas migrantes e menores, por quen hai que seguir loitando e traballando sen descanso, hoxe temos moito que celebrar: un orgullo de dereitos para ser en diversidade e vivir vidas dignas, libres e felices.

Conseguímolo, é Lei!