Chegamos ao Orgullo 2021 co convencemento de que esta non é unha cita máis. Facémolo despois de meses convivindo cunha pandemia que transformou as nosas vidas, poñendo en corentena moitos dos proxectos que tiñamos en marcha e mostrándonos que as dificultades sempre son maiores para aquelas persoas ás que o sistema desampara. Pero a pandemia tamén nos ensinou que unha sociedade é forte na medida que protexe ás máis vulnerables.

Sabemos que son moitas as contas pendentes  que temos co colectivo LGTBI+ e, moi especialmente, coas persoas trans.  Por iso, este 2021 o noso maior orgullo é poder afirmar que como país imos dar un novo paso en prol da igualdade e a liberdade, seguindo o exemplo de loita das que viñeron antes que nós e acadaron enormes avances para o colectivo, como foi a consecución do matrimonio igualitario.

Podemos dicir que tras as dificultades e moito traballo a carón dos colectivos, por fin será posible unha lexislación que regulará dereitos fundamentais para as persoas LGTBI+ e dará fin a anos de parálise neste senso. Un marco de dereitos e recoñecemento das persoas LGTBI+ e Trans absolutamente necesario, tal e como nos demostran datos como o feito de que os delitos por razóns de orientación sexual ou identidade de xénero ocupen o terceiro lugar no noso país e non paren de crecer. Algo que se agrava no caso das persoas trans ou intersex.

A nova lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía de dereitos das persoas LGTBI+ inclúe cuestións tan urxentes como a despatoloxización das persoas trans e permite a libre autodeterminación de xénero a través dunha declaración da persoa, dando así cumprimento ás indicacións da OMS. Sumámonos así ás xa existentes promovidas por outros órganos internacionais como o Consello de Dereitos Humanos de Nacións Unidas o Consello de Europa ou o que recolle o artigo 14 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos. Ademais doutras leis similares en distintas comunidades autónomas no Estado español que nos recordan a necesidade de que Galicia reafirme o seu compromiso cos dereitos LGTBI+ aprobando unha Lei Trans Galega e desenvolvendo e actualizando a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais.

Por primeira vez prohibiranse no noso país as terapias de conversión, aversión ou contracondicionamiento destinadas a cambiar a orientación sexual ou a identidade de xénero das persoas. Tamén se outorgan dereitos fundamentais ás persoas intersex,  como o dereito a non sufrir mutilación algunha ao nacer e a ampliación de ata un ano para rexistrar o sexo do bebé. Devolvemos dereitos ás mulleres lesbianas, bisexuais e soas como o acceso ás técnicas de reprodución asistida dentro do sistema sanitario de saúde. Eliminamos a obrigatoriedade do matrimonio para recoñecer a filiación da prole nas parellas de mulleres. En definitiva, será una lei integral con medidas de acción positiva en todos os ámbitos nos que se continúa a dar a discriminación nas cuestións mencionadas.

Toca seguir traballando para ir ampliando a cobertura respecto a cuestións que quedan pendentes, sen embargo, hoxe podemos dicir que acadamos unha lei que suporá un punto de inflexión e que impulsará moitos outros dereitos. Fronte á deriva reaccionaria que pretende impoñer a ultradereita e outras posicións de negación de dereitos que supuxeron un obstáculo, afirmamos que esta é unha lei feminista, posto que ampliar os dereitos do colectivo LGTBI+ convértenos nunha sociedade máis diversa e libre, nunha sociedade mellor. Porque hoxe o noso país camiña con valentía e coa conciencia de que para blindar os dereitos acadados é imprescindible continuar avanzando. Ese é o noso maior orgullo.