Non hai escusas. Non hai coartadas: “Os que temos como patria a xente, Rajoy vai ternos firmes a prol da democracia”

Non hai escusas. Non hai coartadas: “Os que temos como patria a xente, Rajoy vai ternos firmes a prol da democracia”

Santiago de Compostela, 23 setembro 2017.- A Secretaria Xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, está camiño de Zaragoza para participar na Asemblea de Parlamentares e cargos institucionais de todo o Estado, convocada por Podemos a través do seu SX, Pablo Iglesias, e faino cunha mensaxe clara que quixo trasladar aos seus inscritos e inscritas: “As prácticas amosadas polo goberno de Rajoy estes días superan unha liña vermella que non se pode traspasar nun estado de dereito”.

“Non hai ningunha escusa –engade- para que os que temos como patria a xente, e que estamos frontalmente en contra da corrupción e o despilfarro público, permitamos que se vulneren os dereitos fundamentais dun estado que se di democrático”.

A líder de Podemos Galicia, a través dun vídeo emitido á militancia, amosou a súa preocupación polo que está a acontecer estes días en Cataluña, cunha actuación “abusiva” e “intolerable” por parte das forzas e corpos de seguridade do estado contra organismos oficiais, detencións inxustificadas, rexistros a medios de comunicación e un longo etc “totalmente inaceptable”.

Grave Precedente

Santos advirte sobre o risco de caer en asumir como normalidade este tipo de comportamentos por parte do Goberno do PP, cando “sentan un grave precedente na nosa democracia e ataca ás nosas liberdades e dereitos máis fundamentais”, ante os que non se pode calar.

Para a Secretaria Xeral, o goberno de Rajoy quere empregar como coartada o rexeitamente que produce a todos e todas a “Cataluña pujolista” para situarnos no terreo da ambigüidade “precisamente os que foron cómplices desa Cataluña”.

Advertiu que de sentarse ese precedente, calquera día que os galegos e galegas queiramos saír á rúa a pedir, por exemplo, o rescate da AP-9 ou a reclamar os cartos roubados aos preferentistas ou en protesta contra os desafiuzamentos non poidamos facelo baixo risco “de que se nos queira criminalizar”.

Fraternidade, convivencia e liberdade

“É por iso que esta situación de excepcionalidade que se está provocando en Cataluña nos obriga a todos e todas a levantar a voz a favor dos nosos dereitos máis básicos, e pedir con máis forza ca nunca democracia e diálogo. Estes días xa saímos ás principais rúas do país a reclamar e berrar ante o PP que queremos democracia, é por iso tamén que agora viaxamos optimistas a Zaragoza, xunto con outras forzas políticas, baixo un berro común: fraternidade, convivencia e liberdades”.