Neste orgullo 2019, dende Podemos Galicia dicimos: historia, loita e memoria.

Dende Podemos Galicia sumámonos á xornada de reivindicación, celebración e loita do Orgullo 2019. A diversidade é un valor que nos enriquece como sociedade, pero, lamentablemente, aínda queda camiño por andar nos dereitos das persoas LGTBIQ, na deconstrución de prexuízos e dun sistema binario que limita a liberdade das formas de ser e sentir.

Mentres unha parte da sociedade amosa o seu compromiso e avanza ao carón do movemento LGTBIQ, vemos como xorde unha resposta reaccionaria por parte de sectores que, amparados no marco que lles ofrecen formacións políticas co seu discurso intolerante, manifestan unha concepción monolítica da sociedade que evoca un pasado de falta de liberdades, incomprensión e rexeitamento das que somos diversas. Nin o movemento LGTBIQ, nin formacións políticas como Podemos Galicia imos permanecer impasibles ante esta ofensiva contra os seus dereitos. Máis que nunca, compre seguir avanzando na equidade e consolidación das liberdades das persoas LGTBIQ, porque a integridade e o dereito ás nosas vidas non poden estar sometidas a correntes de opinión e o minifundismo ideolóxico.

En Galicia, temos pendente o reto de desenvolver a lei 2/2014 pola igualdade de trato e non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais. Mentres non o fagamos, unha lei que debería ser o principal garante contra a discriminación, permanecerá ineficaz. Por outra banda, a negativa do PP a levar a trámite a Proposta de Lei de Identidade de Xénero, reflicte a súa falta de compromiso cunha parte do colectivo que lle resulta incómoda. Como sociedade temos unha débeda coas persoas TRANS e aquelas cuxa identidade non se recoñece no sistema binario de xénero, que só comezaremos a saldar cunha lei que despatoloxice a transexualidade e lles garanta os recursos necesarios para desenvolverse e ser en liberdade.

Queremos sinalar a necesidade de que, como sociedade, traballemos para poñer en valor a diversidade e non busquemos a asimilación das persoas LGTBIQ a un modelo determinado por nós. Do contrario, corremos o risco de impoñer ao propio colectivo unha maneira correcta de ser, desterrando a todas aquelas que viven e se deciden ao marxe de calquera normatividade.

Por último, debemos esixir xustiza e reparación para as persoas LGTBIQ+, nacidas nunha época na que foron discriminadas de forma sistemática, sen recoñecerlles a súa identidade, excluíndoas de todos os ámbitos (social, educativo, laboral…) e sometidas a todo tipo de penalidades. É a nosa obriga dignificar o papel das persoas maiores LGTBIQ+ que, grazas a súa valentía conseguiron visibilizar o colectivo, aínda que isto supuxese arriscar as súas propias vidas. A súa loita pola igualdade, pola diversidade sexual, de xénero e os diferentes modelos de familia permitiu construír os cimentos para unha sociedade máis xusta, inclusiva e diversa. Por iso, a súa loita é a de todas.