Gómez Reino urxe á Xunta e ao Concello de Chantada que atallen os despedimentos no SAF e dignifiquen o servizo

O deputado galego vén de remitir unha carta a conselleira de Política Social e ao alcalde popular de Chantada urxindo unha solución ao conflito laboral

Podemos Galicia anima á veciñanza a sumarse este sábado 22 a mobilización do SAF en Chantada 

Santiago, 21 de maio.– O deputado galego de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, vén de remitir esta mañá unha carta desde o Congreso dirixida á Conselleira de Política Social da Xunta, Fabiola García, e ao rexedor popular de Chantada, Manuel Lorenzo, para urxilos a implicarse na procura dunha solución ao conflito laboral que veñen de denunciando as traballadoras do SAF (Servizo de Axuda no Fogar).

Na súa calidade de Presidente da Comisión de Traballo, Inclusión, Servizos Sociais e Migracións, Gómez Reino trasládalles a súa fonda preocupación pola privatización dun servizo municipal que foi adxudicado a Samaín, do grupo Clece -propiedade de Florentino Pérez- que incumpre a obriga legal de subrogar ao persoal que prestaba o servizo baixo tutela pública.

Gómez Reino, que recentemente mantiña un encontro en Chantada coas traballadoras afectadas do SAF, denuncia nesta misiva a súa fonda preocupación polo despedimento dalgunhas compañeiras do servizo de axuda no fogar “en circunstancias que poden supoñer unha vulneración dos seus dereitos laborais”.
“Aos presuntos incumprimentos das condicións do convenio por parte da empresa, temos que sumarlle un exceso nas rotacións do persoal que inflúe na temporalidade, parcialidade e precarización do traballo o cal provoca en moitos casos o deterioro da súa saúde e a aparición de patoloxías derivadas das condicións laborais”, sinala Gómez Reino.

“Cuestións que repercuten non só nas vidas das traballadoras, senón que tamén afectan á calidade da atención que reciben as persoas en situación de vulnerabilidade cuxo benestar depende deste servizo”, engadiu o deputado.

Por último, o presidente da Comisión de Traballo insta á Xunta de Galicia e ao Concello de Chantada, a atallar os despedimentos no SAF de Chantada e dar cumprida resposta a unha situación laboral inxusta para as persoas que foron despedidas logo de moitos anos no servizo dignificando as condicións laborais da atención aos maiores e dependentes. “Estou convencido de que tanto a inseguridade das traballadoras do SAF como as súas constantes demandas son unha prioridade para o Goberno de Chantada, polo que confío en que actuará en consecuencia para dar resposta á situación actual das traballadoras despedidas e na mellora e dignificación das condicións laborais e a calidade do servizo”, remata o escrito.

MOBILIZACIÓN DO SAF DE CHANTADA ESTE SÁBADO 22 ÁS 12:00
Unha ampla representación de Podemos Galicia asistirá este sábado, 22 de maio, a concentración convocada polo SAF de Chantada diante da residencia de maiores da localidade para denunciar publicamente a situación insostible que estar a vivir as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar

A mobilización será as 12:00 diante do centro de maiores de Chantada, na Avenida de Lugo.

Desde Podemos Galicia instamos a veciñanza a mobilizarse e acompañar ao persoal do SAF que, logo aínda inmersos nunha situación de pandemia excepcional que deixou as claras as eivas nos coidados polo afán privatizador, soportaron situacións complexas e foron ‘recompensadas’ con despedimentos, precariedade, maltrato asistencial e encarecemento dun servizo esencial nunha poboación envellecida como a galega.
Coidemos de quen nos coida e máis aló dos aplausos, apoiemos este sábado as compañeiras do SAF de Chantada na súa mobilización.

Aquí podes ver a carta remitida á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.