“É unha demanda unánime da cidadanía da Coruña e por iso trasladamos no Congreso unha batería de iniciativas para que as administracións reclamen nos tribunais a propiedade deste inmoble», manifestou

O deputado de Unidas Podemos presentou unha batería de iniciativas no Congreso para urxir ao Goberno a que inicie o proceso xudicial contra os Franco para o retorno da Casa Cornide ao patrimonio da Coruña

A Coruña, 7 de novembro de 2020.- O deputado de Unidas Podemos pola Coruña e voceiro de Galicia en Común na Cámara Baixa, Antón Gómez Reino, participou esta mañá dunha marcha cívica convocada pola Comisión Aberta en Defensa do Común para a recuperación da Casa Cornide, actualmente en propiedade da Familia Franco.


Gómez Reino insistiu na «necesidade de recuperar por vía xudicial a Casa Cornide, aproveitando o precedente aberto polo Pazo de Meirás» que os herdeiros do dictador deberán devolver, segundo a sentenza do xulgado de primeira instancia da Coruña, ao dominio público.

«Agora o que nos atopamos tras este primeiro revés xudicial», continuou, «é unha familia desesperada por manter as propiedades expoliadas pola
dictadura e, por iso, poñen a venda a Casa Cornide porque son conscientes da súa ilexitimidade».

Galicia en Común anunciou esta semana que presentará unha batería de iniciativas no Congreso «para que as administracións públicas, nomeadamente o Estado, a Xunta de Galicia e o Concello da Coruña, reclamen nos tribunais a propiedade do inmoble. É unha demanda unánime da cidadanía coruñesa e tamén do pobo galego».

Podes escoitar o audio de Gómez Reino nesta ligazón.