Gómez Reino: ‘O Pazo de Meirás é o máximo expoñente da depredación franquista ao patrimonio galego. A súa recuperación é unha vitoria colectiva’

“Meirás abre o camiño xudicial polo que reclamaremos que retornen a Galicia todos os bens expropiados por un ditador golpista, sanguinario e ladrón»

A Coruña, 9 de decembro.- ‘O Pazo de Meirás é o máximo expoñente do saqueo insaciable e depredador da familia Franco ás galegas executado durante a Ditadura e consentido e amparado nas décadas de impunidade posterior. Que o Pazo retorne ao pobo de Galicia é unha victoria colectiva que marca o camiño para reverter o espolio franquista”.

O deputado e portavoz de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, referíase hoxe ao fito histórico que supón a devolución este xoves 10 do Pazo de Meirás, en Sada, ao pobo galego por orde xudicial poñendo fin a interminables décadas de espolio e impunidade da familia Franco.

“Meirás abre o camiño xudicial polo que avanzaremos para que retornen a Galicia todos os bens expropiados por un ditador golpista, sanguinario e ladrón”, manifestou Gómez Reino que fixo fincapé na victoria colectiva que supón que o Pazo de Meirás retorne ao pobo como  ben público.

O deputado galego de Unidas Podemos remarcou que a devolución do Pazo é unha conquista da sociedade galega no seu conxunto  e froito, ademais,  dunha longa batalla en varias frontes para rematar coa impunidade cómplice na que viviron os Franco nos corenta anos que levamos de democracia. 

Galicia en Común elevou o debate para a devolución do Pazo de Meirás ao Congreso dos Deputados en numerosas ocasións nos últimos anos con varias intervencións plenarias e iniciativas lexislativas de Yolanda Díaz e Antón Gómez Reino. O deputado e portavoz eloxiou e agradeceu o imprescindible traballo feito por tantas entre as que cómpre salientar á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica Democrática da Coruña e ao Concello de Sada.

“Resultan patéticos os intentos e argucias legais dos Franco de aferrarse desesperadamente ao que non é seu”, sentenciou o deputado, logo de coñecerse que este mesmo mércores presentaron un escrito ao xulgado de Primeira Instancia da Coruña nun novo intento de retirar un patrimonio que non lles corresponde do Pazo de Sada”.

“Meirás abre o camiño xudicial polo que reclamaremos que retornen a Galicia todos os bens expropiados por un ditador golpista, sanguinario e ladrón. O noso grupo parlamentario xa leva un tempo traballando con distintas iniciativas parlamentarias para instar ao Goberno a que abra unha nova fronte para que a Casa Cornide regrese ao patrimonio municipal da cidade da Coruña”.

Aquí podes escoitar o audio.