O deputado de Unidas Podemos insiste en que «o fundamental é manter os postos de traballo da factoría, que supón un 30% do PIB de toda a provincia de Lugo»

A Coruña, 4 de novembro de 2020. O deputado de Unidas Podemos e voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino, pronunciouse hoxe sobre a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de aceptar algunhas das medidas cautelares pedidas polos sindicatos en relación ao peche de Alcoa.

Para Gómez Reino «é unha boa nova que a xustiza lle pare os pés a unha multinacional que non ten nin patria nin actuou de boa fe en ningún momento do proceso» coa decisión de prohibir o cese da actividade das cubas, pero bota en falta «unha maior defensa dos traballadores da factoría que levan moitos meses de loita». 

Por iso Gómez Reino insiste «na necesidade de que se interveña a factoría lucense para desbloquear unha situación que só xera incertidume a centos de familias na Mariña».

Dende Galicia en Común e Unidas Podemos enténdese que este proceso demostra que «os sectores industriais que son estratéxicos para o país non se poden deixar unicamente en mans de multinacionais que tan só buscan o seu propio beneficio, senón que debe haber unha intervención pública decidida».

«O fundamental é manter os empregos na fábrica de San Cibrao, que é o sostén da Mariña. Traballamos desde o Goberno e desde distintas Administracións Públicas para elo. Significa que hai que abordar, dunha vez por todas, o proceso de intervención pública, se fose preciso, para desbloquear o proceso e ofrecer certezas a centos de familias da Mariña e da provincia de Lugo», concluíu.

Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.