- Antón Gómez Reino tratou no Ministerio a posibilidade do rescate directo da concesión en caso de que fose conveniente para as arcas públicas
- Unidas Podemos insta a poñer en marcha canto antes o decreto de bonificacións para as usuarias da AP-9
Madrid, 26 de abril de 2021. O deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, vén de manter hoxe unha xuntanza co secretario xeral de Infraestruturas, Sergio Vázquez, para abordar o futuro da AP9 e a mellora das súas condicións para a cidadanía galega.
Na reunión falouse da iniciativa parlamentar presentada hai dous meses por Unidas Podemos que poñía o foco na posible ilegalidade do Real Decreto 173/2000 asinado por Aznar que ampliaba a concesión da AP9 a Audasa ata o ano 2048, a cambio de construír o tramo de nove quilómetros (9,1km) que une Ferrol e Fene.
Despois de expoñer a iniciativa, Antón Gómez Reino abordou a posibilidade do rescate directo da concesión en caso de que fose conveniente para as arcas públicas, para o cal, o deputado solicitou que se elaborara unha estimación económica.
Por outra banda, ambas partes coincidiron na urxencia de lanzar canto antes as bonificacións para a peaxe e o Ministerio amosou o seu compromiso e a súa vontade de axilizalo o máximo posible.
“O acordo político ao que se chegou nos últimos meses sobre bonificar con 50 millóns de euros a peaxe da AP-9 ata a fin da concesión actual, suporía, en caso de non cambiar as condicións, un investimento de 1.250 millón de euros en 25 anos. Consideramos que é investimento máis que suficiente para valorar económicamente o rescate da concesión e polo tanto, mellorar as condicións que agora sofren as usuarias.
“A AP-9 é estratéxica para a realidade económica e social de Galicia, conecta ao 70% da poboación e é unha anomalía entre as autoestradas do Estado con peaxes abusivas para unha obra absolutamente amortizada que o bipartidismo entregou a intereses privados”, lembraba o deputado pola Coruña.
Aquí podes escoitar as declaracións de Gómez Reino ao termo da xuntanza.