O secretario xeral fai referencia á crise ambiental das Conchas e A Limia derivada da contaminación por nitratos de orixe agraria
O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, pronunciouse este mércores tras coñecer que o PP de Feijóo levará ao Parlamento de Galicia unha iniciativa sobre as macrogranxas en sintonía coa decisión do PP estatal de presentar mocións nos territorios esixindo o cese do Ministro de Consumo, Alberto Garzón.
Gómez Reino criticou que a Xunta se estea facendo “eco dun bulo iniciado pola dereita” en lugar de “protexer os acuíferos” e “cumprir coa directiva europea” que precisamente sinala a súa nefasta xestión ao non declarar zonas vulnerables por contaminación por nitratos de orixe agraria procedentes da gandería industrial.
Tamén lamentou que ningunha outra forza no Parlamento galego se declare claramente contra as macrogranxas e as súas consecuencias ambientais e sociais, e que tampouco pareza “disposta” a abrir o debate e unha reflexión sosegada sobre o modelo gandeiro e sobre os procesos cárnicos en Galicia.
Gómez Reino, que defendeu no Congreso unha PNL para pedir unha moratoria á instalación e ampliación de granxas de gandería industrial, puxo de exemplo a grave situación das Conchas e A Limia. Os niveis de contaminación son moi significativos debido á elevada carga gandeira, e só entre o 2014 e 2017 a contaminación por nitratos nas augas subterráneas aumentou nun 40%, segundo datos da Confederación Hidrográfica do Miño Sil. Incluso un estudo recente da Universidade de Vigo concluíu que o 60% de pozos da zona dispoñen augas non potables.
Con todos estes datos e estudos científicos ao respecto, así como as declaracións e avisos de organismos internacionais como a OMS, Gómez Reino pregunta aos grupos do parlamento galego se van “pechar os ollos” ante o que denuncian os colectivos medioambientais e o sector agrogandeiro na comarca da Limia.
“Falamos moito de cambiar o modelo produtivo, pero cando se pon o foco nese modelo, en lugar de concretar posibles alternativas o que se fai é demostrar equidistancia, como están a facer as forzas políticas do Parlamento de Galicia ao non declararse claramente a favor dunha produción agrogandeira sostible, que combine a tradición gandeira galega e a responsabilidade do coidado do medio ambiente e unha maior innovación”, sostivo o secretario xeral.