Gómez Reino eleva ao Ministerio o parque eólico de Pena do Corvo por consideralo unha “ofensiva” contra as persoas e o rural

  • Gómez Reino: “O proxecto eólico en Pena do Corvo podería desencadear outro caso de despoboamento en Galicia” 
  • Este espazo natural debería estar protexido baixo a figura Rede Natura 2000, o que impediría a construción do parque, mais a Xunta continúa incumprindo a normativa europea

Compostela, 11 de xullo. O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común formulou varias preguntas ao Ministerio de Transición Ecolóxica relativas ao proxecto eólico de Pena do Corvo executado por Iberdrola. 

O proxecto prevé instalar 13 aeroxeneradores de 4,5 MW no municipio de Monfero, así como construír unha rede subterránea de evacuación de media tensión (30 kV), dúas subestacións transformadoras, unha liña de Alta Tensión de 220 KV entre ambas subestacións e unha Liña subterránea de Alta Tensión de enganche coa subestación transformadora Mesón do Vento, pertencente á Rede Eléctrica de España. 

Son varios os municipios afectados: Betanzos, Carral, Coiros, Irixoa, Monfero, Ordes, Oza-Cesuras, Paderne e Vilamaior. Segundo o proxecto, respectouse a distancia de 500 metros a núcleos urbanos e de 200 a vivendas, mais a altura dos aeroxeneradores a instalar sería de 180 metros e isto, segundo recolle o documento asinado polos deputados Antón Gómez Renio e Juan López de Uralde, “non garante unha distancia prudente”. 

Este parque eólico repercutiría directamente nas explotacións agrarias, na economía local e mesmo nas fontes de auga que abastecen á poboación, algo que non se valorou no proxecto, e afectaría a tres Lugares de Interese Xeolóxico (Encoro do Eume, Cañón do Eume en As Fragas e Ría de Ares). Nesta zona hai varias especies cualificadas como vulnerables e outras en perigo de extinción, seis hábitats naturais de interese comunitario, catro hábitats protexidos e ata 96 especies de aves, algunhas tamén en perigo de extinción. 

A comarca centra a súa actividade no turismo, a agricultura, a gandería e a explotación forestal e para o deputado, “esta ofensiva eólica só tería efectos negativos para a poboación de Monfero. Temos que apostar por unha transición ecolóxica pero tendo en conta a saúde das persoas, a paisaxe e as actividades agrícolas. Este proxecto non ten en conta a vida do rural e temos que reivindicala”, alegou Gómez Reino. “O proxecto eólico en Pena do Corvo podería desencadear outro caso de despoboamento en Galicia”. 

Unidas Podemos insiste en que estes espazos deberían estar amparados baixo a figura de protección Rede Natura 2000, unha petición que xa a Unión Europea realizou á Xunta en 2011 e na que insistiu o ano pasado, pero á que o Goberno de Feijóo fixo caso omiso. Por iso Galicia é a comunidade con menor superficie protexida do Estado e existen actualmente varios proxectos en trámite de parques eólicos que se asentan sobre espazos naturais que deberían estar protexidos.