Gómez Reino: “A política de recortes de Feijóo está afogando a sanidade pública galega”

Podemos Galicia denunciou o “desastre” na sanidade pública galega debido á sobrecarga e presión asistencial nos centros de saúde derivados da sexta onda de covid-19.

A formación reparou na crise en Atención Primaria e na suspensión da actividade programada nalgúns centros da área sanitaria de Vigo. “Que o Sergas teña que descitar a pacientes para poder atender a casos de coronavirus é o exemplo claro de que a Xunta non aprendeu nada ao longo da pandemia e que a súa intención non é protexer a sanidade pública, senón desmantelala”, alegou o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino. 

Así mesmo, a formación sostén que estas decisións, aínda que se presentaron como medidas “temporais” por parte do Goberno de Feijóo, forman parte dun sistema de recortes e de abandono continuo aos servizos públicos. “As galegas están a darse conta de que Feijóo non está a achegar o que necesitamos nestes momentos, sanidade de calidade para todas e uns empregos e condicións que respecten os dereitos das traballadoras e dos pacientes”.

Neste sentido, Podemos Galicia sinalou o día a día “insostible” dos médicos de Atención Primaria que chegan a atender ata 50 e 60 pacientes diarios, tendo en conta que o Sergas non cobre as baixas. Como consecuencia, os médicos deixaron de chamar aos positivos por coronavirus, o que impide tratar ao paciente como a situación o require e cubrir a totalidade da demanda asistencial. 

“A política de recortes de Feijóo págaa a xente da pé. Pedimos á Xunta que escoite ao persoal sanitario e que poña todos os recursos que os hospitais necesitan. A suspensión do servizo de rastrexo e a falta de contacto cos doentes está a xerar incerteza e inseguridade na poboación galega”, sinala o secretario xeral.