Gómez Reino: A nosa determinación pasa por recuperar todos os bens expoliados polos Franco»

O deputado de Unidas Podemos abordou hoxe co Secretario de Estado de Memoria Democrática os usos do Pazo de Meirás, a recuperación da Casa Cornide e o cambio no rueiro franquista que pervive no Arsenal de Ferrol

Madrid, 27 de xaneiro de 2021.- O deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, reuniuse esta mañá co Secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, para tratar cuestións relacionadas coa memoria histórica en Galicia.

O tamén Secretario Xeral de Podemos Galicia puxo sobre a mesa a nosa preocupación polos usos futuros do Pazo de Meirás tras o intento, por parte da Xunta de Núñez Feijóo, de «esconder parte da historia e contala de maneira descafeinada detrás da figura de Pardo Bazán».

«O Pazo de Meirás non era un lugar de veraneo e descanso», lembrou Gómez Reino, «senón un sitio onde se tomaron decisións políticas no marco dos Consellos de Ministros franquistas e iso é tamén parte da historia que se debe contar».

Na xuntanza mantida hoxe no complexo da Moncloa tamén abordaron outros asuntos cruciais na materia como a necesidade de contar cun censo de galegos e galegas que se atopan en Cuelgamuros; o apoio á familia de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz na loita xudicial iniciada en Arxentina polos crimes do Franquismo ou o impulso definitivo a que se modifique a nomenclatura do Arsenal Militar de Ferrol, dependente do Ministerio de Defensa.