A xarda, vítima o culpable?

A xarda, vítima o culpable?

A xarda, vítima o culpable?

 

Isto é o que está a ocorrer baixo as augas das nosas rías, fóra da vista e do coñecemento da maioría da poboación. A Consellería do Mar e o goberno da Xunta son os máximos responsables desta aberración. Por qué? Por non impulsar unha regulamentación adaptada á realidade dos tipos e artes de pesca que se practican en Galicia. Parécevos normal que exista unha normativa que obrigue aos mariñeiros que, precisamente menos cuota teñen, a tirar de novo á auga a xarda ou cablaón –capturados, ademais, de xeito involuntario- baixo pena de cuantiosas multas?

A normativa europea  -que, como sabemos, maiormente favorece á frota do norte de Europa, pois é onde se concentra a maior porcentaxe dos dereitos de pesca- permite que a xarda –especie migratoria que só está de paso- arrase e devore grande parte das crías doutros peixes, así como o alimento das especies propias das nosas costas, sen que os nosos mariñeiros as poidan pescar.

Se esta realidade xa é bastante frustrante para os nosos cerqueiros, canto máis para aqueles con artes de pesca dirixidas a outro tipo de especies, que vén as súas redes cruñadas deste peixe de xeito accidental, pola súa abundancia, e, sen embargo, deben tiralo ao mar para non ser multados. Por desgraza, esto ocorre nun contexto difícil para este tipo de frota, a frota de artes menores, minguada a menos da metade nas últimas décadas, cunha viabilidade e supervivencia que penden dun fío. Os peixes absurdamente prohibidos son, de feito, o único que moitas veces pescan estes traballadores nunha xornada.

A frota galega hai moito tempo que sinte que estorba no mar. Os millóns de euros ofertados dende a UE para a acuicultura industrial, por exemplo, son moito máis rendibles para os políticos da Xunta do PP e para a súa cadea de favores con empresarios e especuladores que o traballo no mar. Non cren na pesca como sector produtivo, prefiren o negocio sinxelo.  A cuestión é, qué é o que máis nos interesa aos galegos e galegas ? Qué garantirá o coidado do noso mar? A soberanía sobre el? Defender unha fonte de alimentos saudables e un reparto xusto da capacidade de xerar a riqueza que posúe ? ou apostar polos cartos fáciles que poden vir da acuicultura?

Pero podemos darlle a volta a esta realidade, malia que semelle que só o sector é o interesado na supervivencia desta frota e en solventar o problema das cuotas. Cómo? Contribuíndo a manter o pobo informado sobre o que está pasando, para xerar a conciencia necesaria para mudalo todo.

Rogelio Santos (Secretario de Mar de Podemos Galicia) Nota: No vídeo, realmente, o peixe que se observa é cabalón, da mesma familia que a xarda. Ponse como exemplo do que acontece coa xarda porque, atá o momento, non existen imaxes dos fondos mariños coa xarda morta que os mariñeiros se ven obrigados a tirar pola borda para non ser multados.