A Lei de Universidades de Unidas Podemos invalida a universidade privada de Abanca

  • Coa aprobación deste Real Decreto establécense uns requisitos mínimos para garantir a calidade do ensino universitario tanto en centros públicos como privados
  • Gómez Reino: “Non fai falta unha universidade de Abanca. O que fai falta é que Feijóo reforce o ensino público, deixe de responder aos intereses privados e goberne para a mocidade que está a labrar o seu futuro”

O Consello de Ministros aprobou este martes un Real Decreto para garantir a calidade do ensino universitario en centros públicos e privados. Os requisitos establecidos na Lei de Universidades de Unidas Podemos afectan á oferta académica, programas de investigación, publicacións científicas, etc. As administracións terán que adaptarse e, de non facelo, non poderán exercer.

A universidade de Abanca, impulsada polo Goberno da Xunta e que se convertería na primeira privada de Galicia, non pasa o filtro da nova normativa do Ministerio de Universidades. Ofrece actualmente catro titulacións de grao e catro mestrados, con todo, despois da aprobación deste Real Decreto, terá que impartir mínimo dez títulos oficiais de grao e seis de mestrado.

Ademais, todo o programa da universidade de Abanca vira ao redor de dúas das cinco ramas do coñecemento, a de ciencias sociais e xurídicas e a de enxeñería, pero agora o Goberno establece que para poder operar terán que estar representadas como mínimo tres. “Desde o Goberno estamos a impedir o negocio das universidades privadas”, sinalou o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino.

“Non fai falta unha universidade de Abanca. O que fai falta é que Feijóo reforce o ensino público, deixe de responder aos intereses privados e goberne para a mocidade que está a labrar o seu futuro”, apuntou Gómez Reino. “Os únicos interesados en impulsar unha universidade privada en Galicia son Feijóo e Escotet, porque nin as universidades nin o conxunto do alumnado apostan por ela”.

Todo este regulamento tamén afecta aos centros públicos, que deberán ofrecer dous programas de doutorando, dedicar polo menos un 5% a programas propios de investigación e cumprir uns requisitos mínimos de publicacións científicas e proxectos de investigación nacionais e internacionais.